martes, 11 de abril de 2023

Os alicerces do Entroido

 
 


Adoitamos asociar a nada co baleiro pero agora coñecemos que o baleiro ten a súa estrutura que permite que as cousas fiquen e teñan consistencia, por exemplo que unha cadeira non se desfaga ou non se descompoña. Pola contra ou en contraposición a nada flúe, esfiáñase, comprímese e extrusiónase ou esprémese dando lugar a un campo elástico, o que os gregos chamaban o cosmos. Todo o plástico é susceptíbel de sufrir flatulencias. A elasticidade non é máis que plasticidade autoconfinada, a infinitude constrinxida na finitude, e é daquela cando xorde a relación ou o emparellamento, os protóns cos neutróns, os átomos cos electróns, porque a vida é relación.
O entroido máis que unha festa é unha cerimonia, un ritual de iniciación da comunidade nos segredos do cosmos e no que subxace toda unha cosmovisión, unha fermosa cosmoxénese que permitía aos membros da comunidade situarse na comprensión do universo e do acto da creación. O entroido enxalza ou loa a plasticidade e o caos como enerxía dadora de vida, a plasticidade que xorde da infinitude, do número pi que define a curva e maila onda e que se autoconfina, se limita ou reclúe, pola extrusión do proceso inflacionario do Big Bang para dar lugar a orde, ao cosmos dos gregos, a relación. O entroido pode considerarse, xa que logo, unha auténtica relixión na medida en que tódalas relixións son construcións humanas a partir das cosmogonías primixenias que procuraban explicar a orixe do universo e comprender as forzas que o gobernan.
Neste senso un dos personaxes ou das máscaras máis importantes do entroido é o da Filandorra zamorana, a Cardadoira asturiana, a Corajisima calabresa ou a Filonzana sarda ou mesmo a nosa Vella galega co fuso, coas súas traxes negras símbolo da escuridade e as súas engurras símbolo da plasticidade. A Filonzana é unha máscara protagonista do carnaval sardo da localidade de Ottana, representa a unha muller vestida totalmente de negro cunha máscara tamén negra e que leva un fuso de liño ou la na man. Está tamén presente nos carnavales de Gljev en Croacia. Ten paralelismos co mito da moura galega e deste xeito o dolmen de Cabaleiros en Tordoia foi construído por unha moura tecedora cun neno no colo. O fiadeiro amósasenos como unha actividade de carácter feminimo altamente iniciática.
A fonda cosmoxénese ou cosmovisión que subxace no ritual do entroido representa un auténtico coñecemento científico ou physis que se remonta no tempo a épocas prehistóricas do Paleolítico Superior cando as mascaradas se espallaban  e impregnaban o fértil deserto do Sáhara por aquel entón e que sobreviviron nas máscaras do Bilmawen en Marrocos ou nas mascaradas da etnia diola na rexión de Casamance en Senegal, para cruzar o Atlántico e ficar inmutábel na cerimonia Hain dos selknam en Tierra de Fuego ou no ritual Yaokwa para restablecer a orde cósmica dos indios arawaks da tribo enawene nawe do Brasil. Neste senso detrás da personaxe da Vella ou da Filandorra dos entroidos ibéricos agóchase o remanente dunha antiga deidade paleolítica, unha deusa da plasticidade e da escuridade, das tebras, pero ao mesmo tempo e segundo a cosmoxénese anterior era unha deusa dadora de vida e polo tanto deusa da fertilidade e de relación. A estrutura do entroido co seu significado e cos seus personaxes mantívose incólume na cerimonia Hain da tribo dos selknam. A tribo dos selknam era un pobo, extinto na actualidade, orixinario da Tierra del Fuego na Arxentina, era un pobo nómade de cazadores recolledores polo que se pode considerar un pobo que conservou costumes características do paleolítico. Por este motivo os selknam son ou eran un pobo moi interesante na medida que atesouraban na súa cultura e nos seus costumes toda a ancestralidade que no seu día ocupou o fértil deserto do Sáhara e que nun momento indeterminado da prehistoria cruzou os 3000 kilómetros que separan América de África. A cerimonia Hain era o entroido dos selknam que buscaba a partir do caos restablecer a orde cósmica. Artellábase nunha serie de escenografías que comezaban no outono e que podían chegar a durar mesmo catro meses e nas que os iniciandos se mergullaban no coñecemento do ben e do mal, no antagonismo cósmico entre o mundo elástico e o mundo plástico. Compoñíase dunha serie de rituais nos cales os anciáns da tribo revelaban oscoñecementos segredos aos rapaces novos chamados kloketen ou iniciandos. Era unha celebración estritamente reservada para os homes, totalmente hermética para mulleres e nenos, unha cerimonia de iniciación de paso da pubertade á idade adulta que pretendía resaltar a oposición entre o ben e o mal pero tamén poñer en valor o coñecemento ou physis da plasticidade como xermolo ou dadora de vida e polo tanto de fertilidade. Eran uns festexos moi anhelados polos selknam e nos cales a tribo na súa totalidade entraba en comuñón co cosmos coa súa natureza e coas súas propiedades, coa súa physis. Os dous personaxes principais do ritual eran a deusa Xalpen e os seus guerreiros chamados Shoorte. Dentro desta cosmovisión destacaba a deusa Xalpen, deusa do mal, da destrución e do caos, do mundo plástico e escuro, deusa do inframundo cos seus soldados destrutores chamados Shoorte. Os Shoorte ían excesivamente pintados e con fermosas máscaras, eran os personaxes máis chamativos do ritual, mais no mundo plástico e escuro do caos e da destrución destacaba Xalpen, Xalpen era unha muller malévola e furiosa que devoraba a toda aquel que se lle acercaba e buscaba satisfacer con eles os seus apetitos sexuais. Xalpen era unha devoradora de homes que eran conducidos á residencia de Xalpen no inframundo coa intención de manter relacións sexuais con eles. Xalpen válese dos seus guerreiros Shoorte para infundir o caos e a destrución e aterrar a nenos e mulleres. Os Shoorte equivalen aos nosos choqueiros e peliqueiros do entroido galego. As mulleres debían abastecer continuamente a Xalpen e se algunha muller era ruín nas súas doazóns, era duramente castigada polos guerreiros de Xalpen, os Shoorte. Os Shoorte eran guerreiros áxiles e de fermosa figura que ían prodigamente pintados e con máscaras. Son representados por homes mozos, áxiles e de boa estatura. A súa función é saír da Choza Grande, chamada Hain e espallar o caos e a destrución, furiosos baten e golpean as cabanas das mulleres, ciscando todo e agochándoo no bosque. O momento culminante da cerimonia era o parto de Xalpen, semellante ao parto da Vijanera en Cantabria. Keternen era o fillo de Xalpen cun iniciando. Keternen como fillo de Xalpen destacaba pola súa decoración corporal, con abundante penuxe branco pegado ao corpo. A escena de Keternen era a máis fermosa e esperada de todas e provocaba verdadeiro pracer a todo o mundo. Outros personaxes do ritual eran Olim, Kátaix, Mátan, Kósmenk, Kulan, Háinxo, Kewánix, Kulpús ou Hóstan. As celebracións do Hain destacaban pola súa sorprendente multiplicidade de formas e colores propios do mundo plástico. Esta forza creativa de fantasía e cor contrastaba coa sobriedade e austeridade dos selknam na súa vida cotiá. Xunto a esta multiplicidade de figuras e cores tamén se combina unha abundante variedade de persoeiros e caracteres. Personaxes torpes, panocos, de perversas intencións ou desexos, de poderes extraordinarios, de carácter iracundo, mesmo outras veces eran figuras cómicas, cheas de humor, espíritos de sensualidade exacerbada e outras de carácter boíño ou benfeitor. En resumen, a cerimonia Hain era unha catarse colectiva louvando á plasticidade baseada nunha múltiple selección de figuras polícromas multiformes e de diferentes características que representan o coñecemento científico, a physis, da plasticidade como dadora de vida, do plástico xorde o elástico a partir da contención, a relación, a vida, a orde cósmica.
 
 

 
 
© Marcos Castro Vilas, arquitecto
 
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario