martes, 12 de diciembre de 2023

EVOLUTIONIS TEMPUS

 
 
 
O concepto de tempo é unha derivada ou unha consecuencia de que a elasticidade e os sistemas elásticos sempre constrúen xerando unha nube de elasticidade ou unha topografía cunhas dimensións ou cuns límites que podemos considerar todo como un presente ou mesmo coma un futuro que modifica un presente, futuros que modifican presentes que a súa vez xeran novos futuros, desprazando deste xeito a topografía e os instantes presentes considerados serán agora pasado, de igual forma a como avanza un verme. Máis que considerar o tempo como un fenómeno instantáneo, hai que considerar o feito temporal como un fenómeno elástico, como un ancho de banda ou unha banda temporal que pode viaxar ó futuro e do futuro ó pasado, mais ao fin acaba avanzando.
O concepto de pasado, presente e futuro, o espazo-tempo, formalízase ao mesmo tempo que se crea unha topografía de relacións. O espazo-tempo non deixa de ser o mesmo, unha topografía, e é por isto que os adverbios "antes" e "despois" son ó mesmo tempo adverbios de tempo e de espazo, de lugar e de tempo. Cando hai relación e hai topografía, o presente, o pasado e o futuro son unha mera convención segundo nos situamos e nos sitúan nesa topografía. É a relación a que fai que algo distanciado no espazo ou espacialmente, pasado-presente e futuro, sexan ao mesmo tempo presente. Niso estriba a maxia do espazo-tempo que é ao mesmo tempo topografía e relación. A elasticidade constrúe topografías de relación e para narrar como estas relacións teñen lugar e dan lugar a unha historia usamos o antes e o despois, o pasado e o futuro.
Calquera nube de relacións é susceptíbel de xerar unha alforxa de pasados e unha alforxa de futuros que interaccionan entre eles para arrincar unha historia lineal. As nubes de elasticidade ou de relacións acaban creando dende un punto de vista temporal sistemas de pasados que constrúen futuros e futuros que inflúen aparentemente no pasado e é por este mecanismo recíproco polo cal as nubes de elasticidade ou os sistemas elásticos evolucionan, pero realmente só existe presente e futuro, o futuro modifica o presente que pasa a ser pasado se consideramos outro instante presente diferente, e daquela podemos afirmar ou concluír que o futuro modificou o pasado para actuar de modo intelixente nese instante presente. Realmente o pasado non existe pois cando construímos un pasado estamos desprazando a nube de elasticidade ou a topografía para xerar un novo instante presente.
A frecha do tempo radica en que a elasticidade sempre constrúe e a iso chamámolo futuros e cando nos desprazamos ou desprazamos esa topografía entón xorde o antes e o despois e aparece o pasado.



 
 
 
 
A frecha do tempo
Deste xeito podemos describir o avance da frecha do tempo da seguinte maneira: un instante presente constrúe futuros xerando unha topografía ou nube de elasticidade, eses futuros afectan ou inflúen neste noso presente e daquela comezamos a construír un pasado que nos leva ou conduce cara un novo instante presente respecto ao instante presente considerado con anterioridade, que agora será pasado e por iso dicimos que estamos construíndo un pasado do mesmo xeito que construímos un futuro, e desta maneira avanza a frecha do tempo, como unha tecedora ou como unha eiruga que se move. O pasado constrúe futuros e o futuro modifica o presente que decontado se incorporará á bolsa de pasados e así é o discorrer da frecha do tempo. O primeiro presente convírtese agora en pasado e chegamos a conclusión de que o futuro pode aparentemente modificar o pasado. Todo isto é debido a que o concepto de tempo xorde de que a elasticidade sempre constrúe (vontade divina) xerando unha topografía, futuros que modifican presentes que a súa vez xeran novos futuros, desprazando esa topografía e incluíndo os instantes presentes na alforxa do pasado. Recapitulando, o que fai o verme ou a nube de elasticidade é o seguinte: uns pasados constrúen uns futuros e eses futuros interactúan co pasado-presente, mais non con todos por igual, cuns máis que cos outros, entón algúns pasados-presentes acabarán morrendo ou xa non son necesarios e os que son útiles ou funcionais xeran a súa vez novos futuros tamén diferentes que expanden a área topográfica como unha masa de pizza ó ser estirada coas mans ou como unha mancha de aceite, e así móvese e avanza a frecha do tempo, o universo e a evolución. Que os novos futuros se creen e algúns pasados desaparezan para sempre é o que provoca que a frecha do tempo avance porque os pasados que quedan xa xeran novos e diferentes futuros. O novo presente convirte o anterior en pasado e a súa vez xerará novos futuros e deste xeito o tempo avanza e crea unha historia arrincada a unha nube de elasticidade. Os pasados-presentes crean futuros e os futuros modifican eses presentes que serán pasados ó considerarmos outro instante como presente e esta dinámica progresiva e recíproca a que fai que os sistemas elásticos avancen e evolucionen. O pasado constrúe futuros e o futuro ten a capacidade de modificar o presente que moi pronto será pasado polo que dicimos comunmente que o futuro ten a capacidade aparente de modificar o pasado para actuar de xeito intelixente nun tempo posterior considerado agora presente, tal que Xano. O deus Xano posuía a facultade de ver pasado e futuro de forma simultánea para poder obrar con sabedoría no tempo presente. O deus Xano dotouno da posibilidade de ver o pasado e o futuro ó mesmo tempo e así poder tomar decisións sabias e xustas. O deus Xano ten unha dobre interpretación espazo-tempo, por un lado, dende un punto de vista espacial e cartográfico, Xano mira a oriente e a occidente e, dende un punto de vista temporal, Xano mira ao pasado e ao futuro para ter un instante presente intelixente.
 
 
 
 
 
 
O tempo constrúe unha historia
Realmente o concepto de tempo maniféstase cando te desprazas pola topografía arrincando unha historia ou unha traxectoria. A realidade brota da constante interacción entre o pasado e o futuro. O pasado constrúe futuros e os futuros modifican o presente que pronto será pasado e así constrúese unha historia. O meu timeline de twitter comeza do seguinte xeito: "Arrinco historias de nubes de elasticidade...porque a elasticidade sempre constrúe...xerando unha topografía...pasados que constrúen futuros e futuros que constrúen pasados, tal que Xano". Edgar Allan Poe remata o seu libro "Eureka, un poema en prosa" co concepto de reciprocidade adaptativa segundo a cal a causa e o efecto son intercambiábeis, como nas boas novelas, pasados que constrúen futuros e futuros que constrúen pasados, tal que Xano, deus da masonería.

Deseño
Cando observamos aos seres vivos dános a impresión de que o fenómeno evolutivo ou a natureza pensa porque son historias arrincadas a unha nube de probabilidades onde se constrúen futuros e onde os futuros teñen a opción de modificar aparentemente o pasado-presente. Así é o deseño, onde o pasado e o futuro son conceptos recíprocos. O pasado constrúe ou imaxina un futuro e o futuro constrúe aparentemente un pasado mediante o cal materializamos ou creamos nun novo instante presente o obxecto imaxinado no futuro previamente. Non é o mesmo que o pasado modifique ó futuro e que o futuro modifique o pasado a que o futuro modifique o pasado e o pasado modifique o futuro. No primeiro caso reside a maxia da xeometría fractal. Toda migración constitúe un pasado que constrúe un futuro pero tamén, e segundo o principio de reciprocidade ou reversibilidade inherente á vida, de forma simultánea ese futuro ten a capacidade de construír un pasado e é por este motivo que as aves migratorias saben regresar.

Estamos construídos de futuros
Estamos construídos de futuros. Estamos feitos de futuros construídos por pasados. Tódolos sistemas elásticos son susceptíbeis de xerar nubes de futuros. O que define a topografía do espazo-tempo é que a elasticidade sempre constrúe e a esas construcións ou relacións chamámolas futuros por estaren espacialmente e virtualmente alonxadas de nós nese plano topográfico. O futuro é unha escolla dentro da nube de elasticidade para construír unha historia presente e observable "i'm going to". De feito a consciencia é elexir e traer ó presente o máis probable para construír unha historia. Os arquitectos estamos fartos de ver de que xeito as estruturas xeran futuros e como eses futuros volven cara atrás para reorganizaren novamente os momentos e os esforzos da estrutura que os deron orixe.

Futuros presentes
A relación fai que os futuros estean presentes. A maxia do tempo e das chamadas viaxes no tempo estriba ou radica en que o que chamamos pasado e futuro poden ser tamén ao mesmo tempo presente gracias á relación. Na película "A casa do lago", onde a mediciña e a arquitectura van da man, confírmanse dous preceptos temporais moi masónicos, o primeiro é que os futuros están aí, son relacións, e o segundo é que o futuro ten a capacidade aparente de modificar o pasado para así ter un presente intelixente, o futuro ten a capacidade de modificar o pasado-presente a través de cartas "proféticas" ata acadar a converxencia e o sincronismo temporal na mesma realidade e na mesma historia. Tamén na serie "Dark", a mellor serie de Netflix, lémbrase ou afírmase que o futuro ten a capacidade de modificar o pasado.
As relacións non entenden de pasado e de futuro, simplemente existen e son, e é ao considerarmos un instante presente e actual para esas relacións cando estas converxen e cando establecemos un pasado e un futuro na historia lineal fabricada. A maxia da evolución na natureza estriba e se fundamenta en que o pasado e o futuro están moi presentes, deste modo coido que a nube de elasticidade pode ser toda ela considerada un presente pero tamén futuro e pasado ao mesmo tempo. É a topografía das relacións as que fan que o futuro e o pasado estean e sexan moi presentes. Cando digo, evolutivamente falando, que os futuros están aí pero que non os vemos, refírome por exemplo ó penuxe das cabaciñas novas e como algo totalmente secundario e inapreciábel, unha fractalidade agochada, pode converterse nuns poderosos pinchos e nun futuro evolutivo seren os cornos dunha vaca. Do mesmo xeito a cor azul das patas dun alcatraz poden ser o futuro acubillado dalgunha relación oculta ou mesmo detrás do debuxo dunha pelaxe ou dunha plumaxe pode existir unha relación ou un futuro acubillado, un futuro en estado de latencia. Un intrascendente lóbulo nunha parte intrascendente do corpo humano pode ser un reservorio dun futuro que afecte á forma e desenvolvemento de calquera outro órgano. Falando da cotiandade, os futuros están aí e así cando entramos nunha panadaría e hai unha veciña relatando que o seu fillo tivo unha experiencia negativa nunha viaxe ou nun hotel determinado, todo iso constitúe un futuro que está modificando un pasado para ter un presente intelixente, pois se ti tiñas previsto aloxarte nese hotel agora cambiarás o teu destino e a túa historia vital. Ou cando o amigo dun amigo cóntache que non volvería a traballar na hostelería polas condicións laborais estache xerando un futuro ou unha información futura que che pode condicionar.

O futuro xa foi. As profecías
Da mesma maneira que o futuro modifica o presente podemos dicir que o futuro tamén modifica aparentemente o pasado dependendo do instante presente considerado. É o concepto de profecía segundo o cal o futuro xa foi.
O futuro xa foi é unha frase chea de fundamento cuántico e é tan desconcertante como as xeometrías de Calabi-Yau. O futuro xa foi e soamente temos que deprender del para ter un presente intelixente. Que saibades que o futuro xa foi e só nos queda aprender del. O futuro xa foi e só temos que descubrilo e aprender del. Daquela os arqueólogos non descubren o pasado, ás veces amosan o futuro. Do mesmo xeito e se cadra os africanos veñen do futuro e nin nós nin eles o saben. Agora que vimos o futuro só nos queda construírmos un pasado que nos leve a él para ter un presente intelixente.
 
 

 
 
 
© Marcos Castro Vilas, arquitecto